26 abr 2020

Semana 27-30 abril: Mesopotamia.

Seguimos viaxando no tempo por Mesopotamia (UDI 4).

O luns 27 e o martes 28:
Emprega o libro de texto (da páxina 172 a 177) para elaborar (escolle) un mapa conceptual (dixital) ou un visual thinking sobre a cultura mesopotámica.

Debes diferenciar catro apartados/bloques temáticos: economía, política, sociedade e cultura/relixión/arte e incluír os seguintes termos:
  • Crecente fértil
  • Trigre e Éufrates
  • Técnicas de irrigación
  • Agricultura/gandaría/artesanía/comercio
  • Cidade-estados
  • Imperios: sumerio, acadio, babilónico e asirio.
  • Códigos de leis (Código Hammurabi).
  • Organización social xerarquizada: rei, nobres e sacerdotes, artesáns, mercadores, campesiños e escravos.
  • Escritura pictográfica e cuneiforme.
  • Matemáticas, astronomía e calendario.
  • Relixión politeísta.
  • Arco e bóveda.
  • Cigurats
  • Escultura
  • Relevos
Podes ampliar e afondar nos contidos a través dos seguintes audiovisuais publicados noutra entrada do blog: https://porquesomoshistoria.blogspot.com/2018/04/viaxe-polo-tempo.html.

O mércores 29/xoves 30:
Sesión on line (explicación, correccións e resolución de dúbidas).

20 abr 2020

Semana 20-24 de abril

Bo día! Esta semana remataremos, revisaremos e corrixiremos o traballo da semana anterior. Resumo:

O luns 20: último día para rematar as actividades da semana anterior (completar a presentación e realizar o cuestionario).

O martes 21/mércores 22: clase on line para corrixir as preguntas do cuestionario: 1ºB martes 12:30 / 1ºA mércores 09:20 (a ligazón para acceder a videochamada estará no recordotario da plataforma e só estará visible durante a clase).

O xoves 23/venres 24: volvemos a responder ao cuestionario seguindo as pautas propostas:

1) non miramos a solución ata contestar a pregunta e

2) corriximos os erros noutra cor.





Ao finalizar publicamos os resultados no noso blog persoal. E se sobra tempo e queres afondar podes facer o cuestionario do outro grupo, neste caso non é necesario anotar as respostas.

13 abr 2020

Semana 14-17 de abril

Bo día! Esta semana, coma é costume cando iniciamos trimestre, repasamos os contidos máis importantes ("os imprescindibles") da avaliación anterior que volverán a entrar nesta avaliación.

O mércores en 1ºA e o xoves en 1º B darei as indicacións necesarias para realizar as actividades desta semana a través dunha videochamada (Meet), conéctate á hora de clase.

Martes 14/mércores 15

Elaboraremos entre tod@s un cuestionario de repaso, a través dunha presentación de google. Na presentación atoparás dúas diapositivas que levan o teu nome asociado a un tema: na primeira, empregando un documento xeográfico de referencia, debes facer unha pregunta relacionada co tema; e na segunda dar a solución/resposta.
As preguntas deben manter relación cos contidos traballados en clase. AQUÍ podes consultar as actividades da última avaliación (pdf). O último día que terás permiso para editar será o xoves:

PRESENTACIÓN-CUESTIONARIO 1º A

PRESENTACIÓN-CUESTIONARIO 1º B


Xoves 16/venres 17

Hoxe toca contestar ao cuestionario. É importante que o fagas nun documento de google que poidas publicar despois no teu blog a través dunha ligazón. Antes de ver a resposta debes contestar no teu documento, despois de contestar pasa a diapositiva para ver a solución, se a túa resposta non é correcta corrixe en vermello.

Despois de realizar o cuestionario do teu grupo se queres seguir repasando podes facer o cuestionario do outro grupo (esta última actividade é opcional).

2 abr 2020

Semana 30 marzo-3 abril

O luns 30 tivemos unha videoconferencia para explicar o traballo programado para esta semana (completar o proxecto de "Arqueólog@s por un día"). Por se alguén non pode acceder á plataforma repito as indicacións por esta vía:

O martes 31/mércores 1:
Completa e publica no teu blog o Diario de Aprendizaxe Persoal (Arqueólog@s  por un día)
Redacta (10/15 liñas):
Como desenvolvín o meu rol...
En equipo aprendín a...
O máis difícil...
O máis divertido da tarefa...
O mellor de todo...
Utiliza o vocabulario histórico e artístico imprescindible para cada época: Prehistoria, Arqueoloxía, Petróglifo, Arte Rupestre, Idade do Bronce e outros termos relacionados.

O xoves 2/venres 3:
Completa e mellora coa axuda do teu equipo o artigo da tarefa cooperativa de "Arqueólog@s por un día".
Tede en conta as coavalicións de otros equipos e a parte da rúbrica de avaliación referida aos "CONTIDOS DA REPORTAXE" publicada no blog. Ánimo!