24 sept 2017

Os movementos da terra e a súa influencia

A forma esférica do planeta, a inclinación do eixe do planeta con respecto ao plano da eclíptica e os movementos de rotación e translación da terra son factores planetarios, que condicionan a incidencia solar, a existencia das estacións e os ventos.





Para seguir profundizando:

4 sept 2017

Galicia


Galicia está situada en latitudes medias do hemisferio norte, entre as coordenadas 41º 48’ e 43º 47’ N. A súa situación xeográfica está determinada pola condición de finis terrae, como a rexión máis occidental do continente europeo, no extremo noroeste da Península Ibérica.
Comunmente, Galicia asóciase co intenso verde dos seus montes e o azul dun omnipresente mar, así como cunha paisaxe marcada pola incesante chuvia. Non obstante, a pesar destes e doutros tópicos máis ou menos certos, este é un país de acusados contrastes físicos.
Máis da metade do territorio supera os 400 m de altitude e a orografía está dominada por dondos relevos de tipo granítico, onde serras e penechairas alternan con depresións e vales. En termos xerais, as cadeas montañosas son de pouca elevación; as máximas altitudes acádanse nas serras orientais (Os Ancares, O Courel, Manzaneda ou Queixa), onde se atopa o cumio maior (Pena Trevinca, 2.100 m). Ademais, unha dorsal de serras dispostas de norte a sur divide o territorio pola metade (O Faro, Cova da Serpe, Serra da Loba...). Entre as áreas afundidas destacan as depresións de Monforte, Sarria e A Limia.
Esta é unha terra eminentemente aberta ó mar, ó contar cunha liña costeira moi ampla; o Mar Cantábrico baña a costa norte e o Océano Atlántico a costa occidental. O elemento máis característico son as rías, ricos vales fluviais inundados polo mar: as extensas Rías Baixas (Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros-Noia) e as Rías Altas (Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña, Ribadeo, Viveiro, O Barqueiro, Ortegal, Cedeira, A Coruña- Laxe, Camariñas e Corcubión), máis pequenas e redondeadas.
Galicia está percorrida por numerosos ríos; os da vertente cantábrica son curtos e regulares, mentres os atlánticos son máis longos e presentan pendentes máis suaves. O principal curso fluvial é o Miño, con 340 km de percorrido.
Preto do 69% do territorio é superficie forestal. A vexetación típica está composta por carballos, castiñeiros, bidueiros, piñeiros e ameneiros. Co paso do tempo, a intervención do home modificou esta paisaxe, cubríndoa de campos de cultivo e de extensas áreas de repoboación forestal con piñeiros e eucaliptos.
Por outra banda, Galicia presenta as características propias dun clima de transición entre o oceánico e o mediterráneo, cunha moderada oscilación térmica e abundantes chuvias invernais como condicións predominantes. Sen embargo existen tamén importantes diferencias rexionais e, así, no interior do país, o clima acusa trazos moito máis continentais.

Fonte: http://www.xunta.es/galicia2004/es/01_01.htm